Monday 29 de April de 2024

Un coloquio e peza teatral achegaron a raíña castiza de Valle-Inclán ao público


Enmarcada na programación da vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, o Elma acolleu na tarde deste venres 23 a conferencia La modernidad en el libro La Reina Castiza, a cargo de Xaquín del Valle-Inclán, e na que tamén se responderon as dúbidas expostas polo público asistente, entre os que se atopaban a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, o alcalde Xosé Lois Piñeiro, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, ademais de representantes de institucións e do tecido asociativo cultural.
Neste coloquio ofreceuse unha comparativa entra a primeira e segunda edición da obra, cuxo formato foi cualificado como "moi peculiar." O investigador fixo fincapé na importancia que adquire o deseño para o máximo expoñente do esperpento. De feito, usaba capitulares mentres escribía á man para ver que quería facer. Máis polo miúdo, explicou que a ilustración é moi limpa e lineal, emprega gran cantidade de branco e pretende buscar a proporción áurea.
Incluso afirmou que se observa unha “pura economía primando o deseño sobre o texto”, resaltando así o aspecto artístico do libro, pero sen renunciar á procura da perfección literaria. Para aclaralo, puxo como exemplo que se actualmente escribimos unha carta no ordenador e na segunda folla unicamente están
escritas dúas liñas, tenderemos a suprimir ou engadir texto.
A continuación, Tatana Teatro subiu ás táboas para escenificar a adaptación en galego Farsa e licenza da Raíña Castiza. 20_20, dirixida por Fátima Rey, cunha estética de cabaret e ecos da actualidade.
Ademais, púxose a disposición das persoas asistentes unha reprodución da lámina de Fausto Isorna que se empregou para ilustrar a cartelería das xornadas deste ano.
O programa deste evento está composto por un amplo e plural abano de actividades para tódolos públicos que se desenvolven dende o día 16 ao 31 de outubro, incluíndo teatro, exposición, unha ofrenda cívica ou conferencias, entre outras. Tódalas citas transcorren seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2014, en horario de 09.00 a 14.00 horas.